Estás enMigración e Medios

Migración e Medios


VI FORO DA CIDADANÍA E DA COMUNICACIÓN

Migración e Medios: Migración nos Medios; Medios da Migración.

8-12 NOVEMBRO 2010

FACULTADE DE CIENCIAS DA COMUNICACIÓN (UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA)

A migración  é unha condición que define o estatuto do humano e un feito determinante da súa propia historia. O tempo no que o ser humano acomodou é moi curto respecto do tempo do que aínda era un ser migrante.

A Condición migratoria medra "onde é posible imaxinar unha maior libertade, unhas mellores condicións de vida e un proxecto máis satisfactorio de realización persoal e familiar" (García Roca: 2010)

Na actualidade un de cada trinta e cinco seres humanos no mundo é un migrante (Rifkin: 2010)

Non obstante, a necesidade de manter filiacións sociais e de identidade son parte da natureza humana, tanto como o é da condición migratoria. Os migrantes á hora de manter o sentido de pertenza a unha comunidade teñen a necesidade de atopar e facer uso de instrumentos como os medios de comunicación.  Os medios "ofrecen novos recursos e novas disciplinas para a construción do Eu imaxinado e dos mundos imaxinados", segundo afirma Appadurai.

Nesta Vi edición do Foro da Cidadanía e da Comunicación abordaremos, logo, esta relación en tanto que construción necesaria do Cidadán respecto do Outro e  convocaremos á análise do papel dos medios de comunicación nesta construción.

Os medios semellan  facilitar aos migrantes , hoxendía, o disfrute dunha mobilidade virtual que pode compensar as súas limitacións reais, físicas e transfronteirzas.

A creación de comunidades de diáspora, ao redor das relacións e da construción identitaria agroman na Rede. Hoxe este recurso únese á dilatada experiencia comunicativa dos migrantes noutros soportes: impresos, radio, televisión.  No ano 2006 contábanse en España unhas 60 cabeceiras, 25 radios e unhas 15 televisións con programas para estes colectivos, e o crecemento deste tipo de medios e contidos ía en aumento.

Doutra parte, convén reflexionar sobre a relación medios de comunicación de masas-migración e, concretamente, no xeito no que os migrantes son representados nestes medios. Tales representacións mudan segundo as circunstancias e o contexto: a idealización, a exclusión, a violencia ou a omisión son prácticas comúns no discurso dos medios respecto da migración e dos migrantes .

Por último, e como eixo transversal do encontro, cremos preciso aproveitar o coñecemento da experiencia galega na migración tanto á hora de desenvolver recursos e información axeitada para a migración que chega a Galicia, como para artellar un discurso ecuánime e profesional sobre o migrante e a migración nos medios de comunicación.



Histórico

PATROCINADORES

Secretaría Xeral de Emigración

 

Ministerio de Trabajo e Inmigración